A inmersión do Belén cós amigos do casip Illa Pancha, deu o pistoletazo de saída aos actos da agrupación belenista de Ribadeo neste Nadal do 2022 que culminarán coa inauguración do Nacemento no Renacemento, o Belén do camiño e a exposición de miniaturas o vindeiro venres día 23 ás 18:00 horas. Este será o primeiro Nadal sen Álvaro, un dos fundadores e principal impulsor da nosa agrupación belenista; por iso antes de continuar con todas as nosas actividades, co corazón aínda encollido pola súa falta, vannos permitir este pequeno recordo para o noso Álvaro.
Álvaro Lamas, in memoriam
O pasado 26 de marzo, a morte, como unha salgueirazo xeado, un manotazo duro, un machadazo invisible e homicida, deixóunos sen Álvaro. Decíanos naquel momento alguén que deixar tantas cousas feitas, (e a medio facer) con tantas persoas diferentes, era signo dunha vida aproveitada e entregada ao máximo. E así era el, como unha cociña de leña, que fai de todo e ben, con tempo, cariño e dedicación; que recibindo pouco, desprende moito. Cando faleceu, outra persoa que tamén o coñecía ben, á pregunta de que iamos facer agora, respondeunos que cando un falta, atoparémolo nas cousas que construímos xuntos. Pois sendo así, moitos imos tropezalo en todas as esquinas, que Álvaro, construír construía moito e ben (e non só con poliexpan). Dicíanos unha veciña que era imposible definilo en poucas palabras, que o intentaramos por exemplo con dúas. Pois Álvaro era Nadal e Pascua. Pero tamén esposo e pai. Amigo e veciño. Mestre e xenio. Artesán e carpinteiro. Fe e esperanza. Empeño e dedicación. Avó e tío. Traballo e traballo. Cociña de leña. Palabra e palabras. Historia e arte. Sorriso silencioso. Risa a gargalladas. Agrupación belenista. Azul Ribadeo. Tortilla de patacas. Mar e monte. Maverick granate. Irmán e fogar. Orde e concerto. Caldo e andaricas. Brunelleschi e Goya. Porta da auga. Esceario e bastidores. Luis de Trelles. Campamento diocesano. Camiño de Santiago. Nacemento e Renacemento. Era, en fin, Álvaro Lamas.
Os membros da agrupación belenista, profundamente agradecidos pola súa vida e o seu traballo, tentaremos conservar o seu legado, perseverar nalgunhas das súas teimas e aproveitar todo o que el nos ensinou de belenismo para continuar anunciando que Xesús, este e todos os anos, renace no medio de nós.